Nova formación

Costura Creativa

— O equipo de Arraianas, 07/04/2021

Dende o 12/04/2021 ao 09/07/2021 terá lugar na sede de Arraianas o Obradoiro de Costura Creativa no que traballaremos habilidades e coñecementos de costura, arranxos básicos e modificacións textís, así como ferramentas para o crecemento persoal e o empoderamento, a creación de vínculos afectivos entre participantes e o traballo en equipo, dun xeito lúdico e creativo.

Nesta formación aprenderemos as técnicas básicas de costura a man e a máquina mediante clases eminentemente prácticas. Ao longo do curso, e como apoio teórico, cada participante irá conformando os seus propios proxectos persoais.

O obradoiro artéllase en base a cinco módulos formativos:

  • INICIACIÓN: Realizaremos unha posta en común de coñecementos de costura. Prácticas de costura a man. Coñecemento dos diferentes tecidos e materiais de costura así como as diferentes técnicas. Marcado e corte de tecidos. Arranxos básicos. Nestas clases, mediante exercicios básicos elaboránrase diferentes proxectos.
  • ENTRANDO EN MATERIA: Unha vez aprendido o básico, pasaremos a transformar prendas que xa temos e que non usamos ou queremos darlle un uso diferente, podendo dedicar algunha clase á transformación de prendas de persoas adultas para a infancia, elaboración de xoguetes, ou algunha prenda para o fogar, sempre fomentando a reutilización a e reciclaxe de prendas e tecidos.
  • DESEÑOS PROPIOS: Unha vez acadados os obxectivos básicos, animarémonos a crear deseños propios. Deseño, patronaxe e confección de diferentes prendas segundo o interesede cada persoa.
  • SAÍDAS PROFESIONAIS E MOSTRA DE TRABALLOS: Asesoramento sobre as diferentes saídas profesionais das persoas participantes no campo da costura e a artesanía textil, xa sexa como costureiras facendo arranxos ou difundindo os seus deseños/proxectos, autoemprego, como poñelos á venta, etc. Realizaremos unha mostra de traballos, e dinfundirémolos polas redes ou en mercados locais.
  • MÓDULOS TRANSVERSAIS: Realizaremos tres módulos transversais: Xénero e igualdade de oportunidades. Boas prácticas ambientais: moda ética e sostible. Medidas de hixiene e seguridade (PRL).
Este obradoiro estará impartido por Faiado de Nin.