A Deputación da Coruña premia o traballo de Arraianas

Fomos galardoadas co premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais do 2024

— O equipo de Arraianas, 09/05/2025

Este mércores 07 de maio, a Deputación da Coruña entregounos o premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais na categoría de mellor proxecto de inclusión do ano 2024 polo Proxecto Nnabata. O Proxecto "NNABATA", é un programa de atención integral dirixido a persoas migrantes, que combina atención individual e grupal para favorecer a súa participación activa na sociedade e o seu empoderamento.

Estes galardóns recoñecen o compromiso e a traxectoria de entidades e profesionais que traballan pola inclusión social na provincia. As entidades premiadas connosco foron a Asociación Raíña Paraíso, a Fundación Meniños, a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM), a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), a Rede Europea contra a Pobreza (EAPN Galicia).

O acto de entrega dos premios celebrouse en Palexco (A Coruña) e contou coa presenza do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, representantes dos distintos grupos políticos da corporación provincial, alcaldes e alcaldesas, e unha ampla representación do tecido asociativo das entidades sociais da provincia da Coruña.

Dende Arraianas queremos trasladar o noso agradecemento á Deputación da Coruña polo recoñecemento e darlle os nosos parabéns ás compañeiras e aos compañeiros de tódalas entidades premiadas, que coma nós, traballan a diario por facer do mundo un lugar máis acolledor e amable.

Tamén agradecer a todas e cada unha das persoas participantes no Proxecto Nnabata, voluntarias, por confiar en nós e por permitirnos medrar ao seu carón.

Dende a nosa fundación en plena crise da COVID, constatamos a importancia de que dende as administracións públicas se recoñeza e se poña en valor o traballo das entidades que traballamos no eido social.

Moitas grazas por facer esto posible!