A Tribo

Promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social 2020, 2021 e 2022

Programa de apoio á conciliación no marco do servizo de inclusión social e laboral.

O programa A Tribo está dirixido a facilitar a conciliación para aquelas persoas participantes doutros programas de inclusión e inserción social e laboral ofertados por Arraianas, como por exemplo NosOutras ou Ayni, encamiñados a mellorar o nivel de empregabilidade de persoas migrantes e persoas en risco de exclusión social.

Pretendemos a creación dun espazo que permita ás familias, especialmente ás monomarentais, acceder ao mercado laboral e formativo, reducindo de forma significativa o risco de exclusión e favorecendo o acceso a recursos.

A acción a desenvolver neste programa está principalmente orientada ás crianzas, e estrutúrase a partires de diferentes recunchos, como por exemplo zonas de aprendizaxe musical, científica e medioambiental, de lectura ou de ábaco.

Queremos crear un lugar que favoreza a igualdade de acceso ás oportunidades de toda a infancia e que permita xerar e crear coñecementos e aprendizaxes significativas importantes de cara ao desenvolvemento integral.

No caso de menores con algunha dificultade nos procesos de aprendizaxe das linguas, pretendemos unha mellora partindo dunha metodoloxía activa.

Ademais, a entidade leva a cabo outras actividades ás que poden acceder as crianzas de forma complementaria, e en función das súas necesidades, como son a Aula de reforzo socioeducativo para menores e as Etapas do Camiño de Santiago.

O programa A Tribo ten como obxectivo acadar a igualdade de oportunidades para a infancia e as súas familias. Está cofinanciado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 (O FSE inviste no teu futuro) co obxectivo de promover a igualdade, a saúde e a inclusión social.