Inicio da marca Re-USC

Elaboramos mochilas e bolsas dándolle unha segunda vida a telas e lonas de exposicións da USC

— O equipo de Arraianas, 16/07/2025

Os fins de Arraianas mostran importante compromiso co medio ambiente e a economía circular. Por esta razón, comezamos a nosa colaboración coa USC neste novo proxecto Re-USC no que as persoas participantes do noso obradoiro de costura creativa encargáronse de deseñar e confeccionar artesanalmente as pezas coa colaboración de Patricia Núñez, de ‘O faiado de Nin’. Este obradoiro está dentro do proxecto NosOutras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Consellería de Política Social e Igualdade.

O proxecto presentouse este venres 11 na Tenda da Universidade nun acto no que participaron a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; o xerente da Fundación USC, Óscar Hermida; Pilar Fernández, do equipo de coordinación de Arraianas, e Diana Viveros, unha das autoras das pezas.

A participación de Arraianas no proxecto foi salientada por Pilar Murias Fernández, vicerreitora da USC, para quen no proxecto están implicadas cuestións importantes como: “a economía circular e outros dous que dan cumprimento a unha das misións da Universidade como son o compromiso social e o compromiso co tecido local”.

Pola súa banda, Óscar Hermida puxo en valor a nova marca, “que achega sostibilidade e unha visión diferente, neste caso dende o ámbito máis local e a través do patrimonio académico, científico e cultural da Universidade”.

Un dos obxectivos de Arraianas é crear pontes coas institucións para así conseguir mellorar os valores sociais e con este proxecto traballamos cara á súa consecución, “á vez que nos permite visibilizar o noso traballo pero tamén as capacidades das persoas coas que traballamos”, asegurou Pilar Fernández no evento.

Re—USC, é unha marca deseñada polo técnico do Servizo de Reprografía da USC, Alberto Rodríguez, e bota a andar con 60 pezas únicas, elaboradas coas lonas cedidas pola Vicerreitoría de Cultura das exposicións ‘José Rodríguez. O matemático de Bermés’, ‘Deber de Baltar. Medicina e Compromiso’ e ‘Dona Emilia e Compostela’ así como da III Feira de Emprendedoras de Compostela 2021.

Para poder conseguir calquera das creacións das participantes de Arraianas, poderedes ir a tenda da USC e preguntar por elas.